domingo, 19 de abril de 2020

BENVIDOS!!


Bo día!!!
Hoxe comeza a posta en marcha deste blog individual de aula, que espero que vos sexa de utilidade e axuda nestes días de confinamento.
Quero comezar dándovos a benvida a todos e todas, especialmente aos máis pequerrechos, para os que me gustaría enviar unha mensaxe:

“Ola nenos e nenas de 5 anos, como estades? Xa levamos un mes sen colexio, sen asembleas, nin patios, nin recunchos… Todo isto volverá, mentres tanto xa sabedes que todos e todas temos unha misión: quedar na casa. E vós, os “meus nenos/as” estádelo facendo moi ben, sodes uns auténticos campións e a vosa profe esta moi orgullosa de vós.
Coidádevos moito, desfrutade destes días na casa coa vosa familia, xogade, cantade, descansade… Vémonos pronto.
Miles de bicos para vós, os nosos pequenos/as heroes e heroínas.”

Dito isto, agora gustaríame dirixirme a vós, papás, mamás, familias en xeral. Neste blog irei colgando cousiñas que podedes traballar desde a casa cos nenos/as, especialmente fichas de reforzo e ampliación de diversos contidos. O máis recomendable é que accedades primeiro ao blog de infantil, onde tamén atoparedes propostas e actividades como as que fomos colgando ata o momento, e desde aí acceder a “fichas 5 anos” para atopar recursos máis concretos de aula.
A maioría destes recursos serán fichas, sempre voluntarias. Espero que vos sexan de axuda na casa e agradezo que para calquera dúbida vos poñades en contacto comigo a través do correo, que tamén podedes empregar para enviarme imaxes dos traballos dos nen@s. 
Así mesmo, sería moi interesante que deixedes comentarios nas entradas para así saber se o material vos está sendo de utilidade. 

Recordade que o concello de Petín e o concello de A Rúa se ofrecen a imprimir copias de traballos para os nen@s.

Gustaríame rematar cunha serie de recomendacións:
-Priorizar o aspecto emocional fronte ao académico: nestes días o fundamental é coidar sentimentos e emocións dos cativos.
-Ter en conta o seu nivel de interese e motivación, intentar realizar actividades que a eles lles resulten interesantes e ter moi presente o aspecto lúdico.
-Manter os hábitos e rutinas, establecendo na medida do posible horarios con certa flexibilidade
-Realizar moitos xogos, manualidades, experimentos, cancións… e ler moitos contos!
-Seguir fomentando a súa autonomía, permitindo que colaboren na medida do posible, nas tarefas domésticas: recoller, poñer a mesa, vestirse e asearse sós, axudar na limpeza do fogar,…

Coidádevos moito, ánimo e miles de bicos para todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario